Chega unha nova edición do Reperkusión: a décima, que este ano se adianta para celebrarse na primavera, os días 17, 18 e 19 de maio. Para celebrar a primeira década de existencia do festival máis festeiro desta parte do mundo, temos un cabeza de cartel excepcional: Manu Chao! Estará con nós actuando non un senón dous días: o xoves 17 e o sábado 19. Unha cita inexcusable na que serán as súas únicas actuacións previstas nun festival da Península. Manu Chao chegará a Allariz co proxecto Manu Chao La Ventura, logo de actuar nos últimos meses en países como Arxentina, Estados Unidos, Xapón ou Australia. Acompañado de guitarra, baixo e batería, con La Ventura preséntase nun formato máis directo no que dá un novo xiro ás súas potentes actuacións cheas de enerxía e ideas frescas.Máis confirmaciónsManu Chao non é a única confirmación para o cartel deste ano. No Reperkusión estarán tamén Russkaja, Funky Style Brass, Os 3 Trebóns e Festicultores Troupe. Russkaja estiveron no festival o ano pasado e conquistaron totalme o público. Se estivestes aquí xa sabedes que ninguén se pode resistir a esa explosiva combinación posmoderna de polca e ritmos rusos con rock, ska e heavy. De Francia chegan os Funky Style Brass, unha fanfarria electrofunk de nove músicos que nos visitou hai uns anos e deixou unha forte pegada co seu sentido do humor, forza, talento, espírito festivo e tolemia. Tamén nos visitarán Os 3 Trebóns, o proxecto co que Xurxo Souto, Antón Díaz e Fran Amil desatan treboadas sonoras nas verbenas e festivais de todo o país. E non faltarán no Reperkusión os incombustibles Festicultores Troup, a banda da casa, que o ano pasado subiu a temperatura do festival co seu novo e lascivo espectáculo: os Sadomusiquistas. Pronto daremos a coñecer o resto do cartel. Como nas edicións anteriores, Reperkusión 2012 será moito máis que unha suma de concertos, xa que terá programación de día e de noite con numerosas actividades abertas ao público: exposicións, teatro de rúa, pasarrúas, djs, obradoiros, mercadiños e o X encontro de Malabares e artes do circo.Entradas xa á vendaAs entradas para o Reperkusión acaban de poñerse á venda online a través da web. Ata o 15 de marzo, os abonos para os tres días de festival poden adquirirse ao prezo de 40 € + gastos de distribución, e as entradas para un día por 20 € + gastos de distribución. Os compradores dos 3.000 primeiros abonos recibirán como agasallo no festival un cd recompilatorio con temas dos grupos que participarán nesta edición do Reperkusión. Se compras o abono, tamén podes reservar o cámping por só 5 euros máis. Novo recintoEste ano Reperkusión estrea novo recinto de concertos. A un quilómetro do centro de Allariz, o festival contará cun espazo amplo co que aumenta a súa capacidade para público. Este recinto estará permanentemente conectado co resto de espazos de programación situados na vila mediante un servizo gratuíto de autobús. O novo recinto de concertos conta con aparcamento e zona de acampada situados á súa beira. Un luxo pensado para os máis festeiros! |