O Festival Reperkusión 2015 propón unha nova sorpresa entre as súas actividades de día e de acceso libre: unha kazurrada colectiva dirixida por Cé Orquestra Pantasma, co obxectivo de montar a festa máis divertida e comunal. Pero que é unha kazurrada? Como explica o seu mestre de cerimonias, “non é unha xuntanza de cazurros, senón unha gran charanga de xente con kazús (instrumento tamén coñecido como turuta) que se vai concentrar no festival para facer unha actuación conxunta”. A cita será o sábado 12 de setembro á tardiña, sobre as 20:00h.

Para isto o festival alenta a todos os participantes a construíren o seu propio kazú dunha maneira sinxela e con materiais e trapallada que teñan polas súas casas e pendellos. Para aqueles que non saiban como facelo o Cé Orquestra preparou un vídeo práctico coas instrucións básicas. E para aquela ou aquel que logre facer o kazú máis estrambótico, orixinal e molón haberá premio. Dende hoxe o festival lanza un concurso a través das súas redes sociais. Quen o desexe poderá participar enviando fotos ou vídeos do seu instrumento e quen consiga máis “gústames” en Facebook e máis “favoritos” en Twitter gañará cinco bonos para os dous días do festival.

O repertorio máis festeiro e popular

O Cé Orquestra Pantasma xa está preparando un repertorio minuciosamente escollido para a ocasión, unha recompilación dos temas máis populares nos ambientes festeiros galegos, entre os que están o “Likor do negro café” de Lamatumbá, o “Ghai ghai” de Chouteira, “O tren” de Andrés do Barro, “O cuco cuqueiro” de Suso Vaamonde ou “O carro” de Fuxan os Centos.

Baixo o mestre desta peculiar cerimonia agóchase o vigués César Freiría, un intérprete autodidacta e gran amante dos instrumentos musicais. Comezou a súa andaina aos oito anos dentro da música tradicional e dende aquela non deixou de navegar polos variados estilos da música popular, chegando a formar parte de grupos tan dispares como A Roda ou a banda de punk Oxtiax ke te Pariu.

Como nas edicións anteriores, o Festival Reperkusión 2015 será moito máis que unha serie de concertos de noite no escenario principal, xa que terá programación ao longo de todo o día con numerosas actividades de acceso libre e gratuito, abertas a públicos diversos: obradoiros, pasarrúas, mercadiño, actuacións, unha nova edición da Empolada, unha zona nova centrada no reggae e outras sorpresas que se desvelarán nas próximas semanas. Todo isto terá lugar os días do festival, o 11 e 12 de setembro, en diferentes espazos da Cidade dos Muchachos de Bemposta.

Dub corner, espazo sound system para amantes do reggae
O festival ourensán inaugura nesta edición o Dub Corner, un novo espazo pensado e deseñado para amantes do reggae. Contará cun equipo de son artesanal ao estilo tradicional xamaicano, xestionado por Máis Lume Kolektiv e atractivo pola súa gran potencia e calidade. Por el pasarán dj's especialistas nos ritmos máis animados e emblemáticos de Xamaica.

Este espazo ofrecerá tamén actuacións en directo. Abrirá o venres as 19:00h con George Palmer, lírica fresca sobre unha liña de baixo hipnótica cociñada con sintetizadores e artefactos modernos. Directamente dende Donostia (Euskadi), réndelle homenaxe aos sistemas de son xamaicanos de mediados dos 80 e á escena dub británica. O sábado á mesma hora será a quenda do galego Crespo, un cantante cunha gran capacidade menemotécnica como amosa o seu vídeo de presentación en acústico “Alabanza a la Balanza”.

A empolada, un tolo xogo de tronos
Tras o éxito do ano pasado, o Reperkusión repetirá a Empolada, a experiencia máis salvaxe, lúdica e participativa da historia do festival. Todas as persoas que asistan ao Reperkusión e teñan ganas de refrescarse, de pasalo ben e de converterse en polos por un día poderán participar neste divertido concurso que comezará cunha refrescante batalla, para a que a organización porá a disposición dos participantes máis de 10.000 globos de auga, 500 quilos de fariña e confeti de plumas. O público elixirá entre os participantes o Rei Polo e a Raíña Pola nunha cerimonia dirixida polo Leo i Arremecághona. O popular músico galego, que forma parte de múltiples proxectos como Labregos do tempo dos Sputniks ou Das Kapital, actuará como Polo de Cerimonias, marcando as normas deste tolo xogo de tronos.

A carpiña do circo, a risa e a música
Ao igual que na pasada edición, a carpiña concentrará os obradoiros e o resto de concertos de día. O sábado pola mañá volverán ao Reperkusión os obradoiros de circo e malabares dirixidos a nenas e nenos e adultos, para aprender a manexar o monociclo, as bolas e as mazas. Ademais, sesión de risoterapia, o ioga da risa, con Eva Pilarte. A clase comeza con exercicios de respiración, relaxación e desinhibición, para continuar con exercicios guiados que provocan a risa irracional e natural. O obxectivo é beneficiarse do poder curativo da risa.

No apartado musical pasarán por este espazo en horas temperás La Patxaranga (o venres), que leva festa e alegría alá onde vai, viaxando polas músicas máis frenéticas do mundo (balkan, klezmer, swing, folk...); e os ourensáns Maskarpone (o sábado), unha saborosa mestura de reggae e ska con pequenos acenos de rock e música tradicional. Ademais, o sábado sesión vermú a cargo da banda de Ourense Menage a Trois, coa súa mestura de sons procedentes do folk, a bossa e a rumba, con outros aparentemente incompatibles como o rock. O resultado é un novo son único e espectacular que bautizaron como swing rock.

Entradas para o escenario principal, oferta especial ata o 12 de agosto
Reperkusión 2015 pechará a tempada de festivais coa súa popular mestura de músicas de todos estilos e procedencias. Pasarán polo escenario principal do festival os británicos Asian Dub Foundation Sound System, os latinoamericanos Che Sudaka, os bosnios Dubioza Kolektiv, os galegos Dakidarría e Chotokoeu e os españois Trashtucada, TranceUntes e La trocamba Matanusca.

As entradas pódense adquirir a través da web www.reperkusion.com ou nos seguintes puntos de venda físicos:
Ourense: Café Cultural Auriense, Saborido Charcutería, Café Faíscas, Peggy Records (gastos de xestión: 0,50 €)
Allariz: Fandiño Tapas
Xinzo de Limia: Feito Praza
A Coruña: Bule Bule (Praza de Millán Astray, 8)
Santiago de Compostela: A Reixa Tenda (gastos de xestión: 1 €)
Lugo: Don Disco (gastos de xestión: 0,50 €)
Vigo: Tenda Tipo Vigo (gastos de xestión: 0,50 €)
Pontevedra: Lusco e fusco


A oferta especial de 15 € máis gastos de xestión o abono de dous días ou 20 € se é con acceso á zona de acampada ampliouse ata o mércores 12 de agosto. A partir desta data o prezo do abono de dous días será de 20 € ou 25 € con acampada. A entrada para un só día custa 15 €.

Festival Reperkusión celebrará a súa 13ª edición na Cidade dos Muchachos de Bemposta, en Ourense, os días 11 e 12 de setembro. Reperkusión 2015 pechará a tempada de festivais coa súa popular mestura de músicas de todos estilos e procedencias. Pasarán polo escenario principal do festival os británicos Asian Dub Foundation Sound System, os latinoamericanos Che Sudaka, os bosnios Dubioza Kolektiv, os galegos Dakidarría e Chotokoeu e os españois Trashtucada, TranceUntes e La trocamba Matanusca.

As entradas póñense hoxe á venda cunha oferta especial para as 500 persoas máis rápidas, só ata o 31 de xullo, de 15 € máis gastos de xestión o abono de dous días ou 20 €, se é con acceso á zona de acampada.

O venres 11 pasarán polo escenario principal de Bemposta a furia e a mestura de estilos dos británicos Asian Dub Foundation Sound System: Jungle, drum&bass, rap, reggae e sons propios mesturados con habilidade e enerxía por John Pandit (Pandit G), membro fundador da histórica banda; a forza ska, a cadencia reggae e o espírito punk-rock dos Dakidarría; a Distorsión Party de ritmos tolos e divertidos dos gaditanos Trashtucada; e a música electrónica do futuro, tocada con instrumentos primitivos, dos TranceUntes.

O sábado 12 chegarán ao escenario de Reperkusión a cumbia, o ska e o punk dos latinoamericanos afincados en Barcelona Che Sudaka, referentes internacionais da música mestiza; a música balcánica afastada dos estereotipos dos bosnios Dubioza Kolectiv, que hai dous anos xa fixeran vibrar o público do Reperkusión coa súa personalísima mestura de hip-hop, reggae, dub, rock e folclore balcánico e que veñen presentar o seu novo disco, que sacarán a finais de setembro; o directo frenético con aires balcánicos dos valencianos La Trocamba Matanusca; e o balkan, rock, swing e drum&bass dos Chotokoeu, banda galega con futuro planetario.


Como nas edicións anteriores, Reperkusión 2015 será moito máis que unha suma de concertos, xa que terá programación de día e de noite con numerosas actividades abertas ao público: humor, exposicións, teatro de rúa, pasarrúas, djs, obradoiros, mercadiño e o XIII encontro de malabares e artes do circo. Haberá tamén, unha nova edición da Empolada e varias sorpresas e novos espazos que se desvelarán ao longo das próximas semanas.


Trece edicións
Ao longo destes anos pasaron polo festival artistas como Manu Chao, Fermín Muguruza, Russkaja, 2Many Dj's, Emir Kusturica & TNSO, Los Delinqüentes, PinkerTones, Macaco, Wagon Cookin, Muchachito Bombo Infierno, Os 3 Trebóns, Ojos de Brujo, Fanfare Ciocarlia, Eskorzo, Os Diplomáticos de Montealto, Telephunken, Sargento García, etc.

 

___

Se pertences a un medio de comunicación e necesitas información adicional, queres solicitar algunha entrevista ou acreditacións, contacta connosco: comunicacion[arroba]reperkusion.com

Xa está en marcha a 12ª edición do Festival Reperkusión, que se celebrará esta fin de semana na Cidade do Muchachos de Bemposta, en Ourense. Serán, en palabras de Xurxo Seara, un dos organizadores do festival ourensán, “tres días e tres noites de festicultura, preto de 60 horas de programación para todos os públicos, practicamente sen interrupción dende o venres ás 19h ata a madrugada do domingo para o luns ás 05h”. Todas as actividades de día son gratuítas, só son de pago os concertos de noite do venres e o sábado. As entradas anticipadas custan 15€ para un día e 25€ toda a fin de semana. Na billeteira custarán 20€ e 30€, respectivamente 5 euros máis con camping.

Ana Garrido, concelleira de Cultura de Ourense, salientou esta mañá na presentación ante a prensa do XII Reperkusión a importancia do festival, “co que o Concello se volcou este ano máis ca nunca”. “O goberno municipal”, engadiu Garrido, “aposta pola cultura para todas as persoas e de todos os gustos” e, por iso, “é importante que esta cidade siga contando cun festival tan completo e diverso como o Reperkusión”.

Xurxo Seara asegurou que “o Reperkusión mantén a fórmula que o consolidou como un evento único”. “É un evento multidisciplinar”, engadiu, “que busca a orixinalidade en todos os estilos que acolle baixo o paraugas da mestizaxe cultural. No Reperkusión súmanse música, circo, humor, formación, compromiso... e por riba de todo bo ambiente e moita festa para todos os públicos”.

O director do festival, Emilio Oro, foi o encargado de desenvolver os contidos desta edición. “Este ano encabezan o cartel Manu Chao e Mucachito y sus compadres”, explicou. “Manu Chao volve ao Reperkusión e a Bemposta porque os sinte xa como seus”, engadiu, “pero este ano haberá ademáis moitas sorpresas, galegas e españolas na formación do concerto”. Muchachito, pola súa banda, chegará acompañado dos seus compadres -o pintaor Santos de Veracruz e o guitarrista Diego Pozo el Ratón- para repasar o repertorio de Muchachito e de Los Delinquentes e versionar algunhas das súas cancións favoritas.

Completan o cartel outros 24 grupos de música e artistas de circo e teatro chegados dos lugares máis diversos, como os berlineses Dirty Honkers ou os checos N.O.H.A., os franceses Kimbala ou o portugués Daniel Lança coa Barcelona Street Orkestra. Tamén os canarios Kuarembó, os vallisoletanos Curioso Periplo, os portugueses Crassh e os africanos Djolé Djembé Booma. A presenza galega será como sempre numerosa, variada e de calidade: Terbutalina, Cuchufellos, The Turre's band, La Banda de Andrelo, Los Bichis, Colectivo Bomba, Funkombo e Hadri Hache, no musical e 8mm Teatro, Supergalácticos e os incríbles números circenses de Troupe Sky, no escénico. Durante o día, actividades de diversas disciplinas e para todos os públicos: xogos, obradoiros, ioga da risa, a tradicional Olimpiada de Malabares e moita máis música.

Unha das novidades que o Reperkusión ten preparada para a edición deste ano é a Empolada, “a actividade máis salvaxe, lúdica e participativa da historia do festival”, en palabras do seu director, Emilio Oro. “O público será o protagonista deste body painting rural e colectivo”, asegurou. A cita é o sábado 12 de xullo pola tardiña e o Polo de Cerimonias será O Leo i Arremecághona, a organización convida a todas as persoas con ganas de divertirse, de refrescarse, de pasalo ben e de convertirse en polos por un día a participar na primeira Empolada, para o que contarán con 10.000 globos de auga, 500 quilos de fariña e confeti de plumas.

A Cidade dos Muchachos
O Reperkusión terá lugar por terceiro ano consecutivo na Cidade dos Muchachos de Bemposta, onde a organización se sinte xa como na casa. Trátase dun lugar moi especial, no que se desenvolveu un proxecto modélico de integración e compromiso social que tiña nas artes e no circo un dos seus piares.  Un recinto con rúas dedicadas ao circo e ás artes, vivendas, espazos amplos, zonas verdes, edificios polivalentes, un domo espectacular e multitude de detalles.

Buses
A organización ofrécelles, un ano máis, ás persoas que viven en Allariz, Carballiño, Celanova, Lalín, Maceda, Monforte, Ribadavia, Verín ou Xinzo a posibilidade de ir ao Reperkusión en bus compartido. As persoas interesades deben reservar a súa praza antes de mañá martes, 8 de xullo, escribindo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. , xa que só hai 55 prazas en cada bus e os buses só sairán se hai reservas suficientes. Os buses sairían de cada cidade o venres ás 20h30 e o sábado ás 17h e voltarían dende Bemposta cada noite ás 05h30. O prezo sería de 6 euros/día, ida e volta.

Urbanos de Ourense reforzará, un ano máis, as liñas que conectan o centro da cidade con Bemposta. Máis de 100 buses, máis ou menos cada media hora (poden consultarse os horarios na web do festival), pasarán polos principais puntos da cidade cara ao festival. O prezo será o mesmo que para un percorrido normal de bus urbano: 85 céntimos o normal e todos os descontos habituais. Recoméndase facer uso do bus urbano e non subir en coche, xa que en Bemposta non hai espazo para aparcar.

A produtora cultural Festicultores organiza o Festival Reperkusión dende que naceu en 2003 na vila de Allariz. O Reperkusión 2014 conta co patrocinio do Concello de Ourense e máis coa colaboración da Burn, Gadis e do Grupo La Región.

Foto: Brais Seara